martes, 28 de octubre de 2014

O IDIOMA É UNHA FORMA DE NARRAR O UNIVERSO- Begoña Caamaño


Hoxe as Letras Galegas botan en falta a unha das súas escritoras, a Begoña Caamaño, que faleceu no día de onte. 

En palabras de Ramón Nicolás :
Disque Penélope tecía e destecía. Begoña Caamaño, nun momento dado, decidiu asumir un reto: tecer palabras para construír un marabilloso tapiz, rabenado dolorosamente onte, que escintila en Circe ou o pracer do azul (2009) e mais en Morgana en Esmelle (2012). Neles transparéntase a autora: a súa alegría, a súa vontade de transgredir os mitos e peneiralos cun cribo feminista; neles repousa aquilo no que acreditaba, o que amaba e detestaba; nesas palabras que teceu como unha nova Penélope latexa a súa bondade e o seu sorriso tan inesquecible. Con elas gañou un espazo único e perdurable para a literatura, para nós. (En lembranza de Begoña Caamaño. Tamén publicado nas páxinas de La Voz de Galicia,o 28 de outubro de 2014)


En palabras de María Reimóndez

Comunidades dos afectos

Hai momentos nos que as palabras se fan difíciles e eses adoitan ser aqueles nos que son máis necesarias. Os momentos nos que alguén importante cruza a distancia máis longa, o silencio máis amplo e definitivo e as demais quedamos destoutro lado, desnortadas. O silencio, sabía Begoña Caamaño que sempre erguía a súa voz, adoita facer mal. A min hoxe faime mal. Faime mal que a noticia do seu pasamento non abra eses xornais que pensan que escriben para “Galicia e xalundes”, os medios de comunicación xerais e cativos que nos rodean e que ela, xornalista de profesión, coma tantas outras, nunca mereceu. Porque hai quen di que temos o que merecemos, mais a realidade amosa cada día que iso non é verdade. Begoña Caamaño non merecía o país no que vivía, tampouco moitas outras cousas. E ademais de non merecelo e precisamente por iso, traballaba por outro ben diferente. Un, que chamarei a comunidade dos afectos, no que sen dúbida calquera de nós que tocase a súa vida, por moi breve que fose ese contacto, querería vivir. Hoxe sinto máis ca nunca que, nos tempos que corren, construír unha comunidade dos afectos é o maior acto de subversión que unha persoa pode exercer. Rachar cos ditados do sangue, dos foros da familia, da envexa, da competitividade, do militarismo, dos estados, da división constante e permanente das mulleres, mesmo literal, desmembradas en anacos metafóricos e literais. Transformar todo iso, por arte de maxias que a ela lle debían de ser ben coñecidas nun espazo de acollida onde o persoal é sempre político e polo tanto colectivo, onde unha sempre se atopa unida a tantas outras, é o traballo dunha vida para as vidas de todas as demais. Fronte ao silencio dos xornais, a comunidade dos afectos que Begoña Caamaño creou sente hoxe a súa ausencia como unha carga pesada. Mais unha carga repartida entre tantos ombreiros que ela quixo e coidou. Entre eles, estou segura, os ombreiros de tantas lectoras e lectores que se achegaron ás marabillas de Circe e Morgana. Tamén nos ombreiros de tantas outras que nos dedicamos á escrita e para quen sempre tivo palabras que eran como elos dunha cadea que buscaba un nosoutras diverso pero firme. A cultura patriarcal dinos que o máis importante dunha escritora é a súa obra, que é “só” por iso que debe ser lembrada e celebrada. A cultura patriarcal esquece, como ben sabía Begoña, que a obra e a persoa son inseparables e que precisamente en autoras coma ela a súa personalidade acolledora e brillante reborda en cada palabra. E por moito que haxa quen tentase reducir ese traballo minucioso, feminista e demorado a unha reescrita do pasado, nosoutras sabemos que, en realidade, Begoña sempre reescribiu o futuro. A nosa homenaxe a ela será facelo realidade cada día. ( SERMOS GALIZA, 28/10/2014)

En palabras de Carlos Negro

Carta desde a illa de Eea De Circe, deusa infeliz que leva na fronte a marca da saudade, para Begoña Caamaño, muller libre e notable escritora, cuxa ausencia conmove as entrañas con grande coita.

Prezada compañeira: Desde o lamento que provoca a partida daquelas que máis amamos, e mesturada coa dor que pousa no ánimo o impío capricho das Moiras, permite que invoque o teu nome como un néctar sagrado á beira dos cons desta illa oculta aos ollos do mundo, gándara onde moitas de nós loitamos por construír unha civilización que aínda non se albisca no horizonte, presas da tiranía que tan adoito exercen os nosos compañeiros masculinos, ben polo imperio das armas, ben polo abuso da lei, que acostuma nos tratar como servas. Quero agradecerche, nobre compañeira, máis alá das bágoas que esvaran sen vergoña polos sucos do rostro, a clarividencia dos teus actos, e as enormes doses de entusiasmo que fuches pousando, como unha mensaxeira da alegría, alí por onde os teus pés (non alados) pisaban. E sempre, desde o exercicio pleno da palabra, a perseguir esa utopía colectiva que ás veces semella tan lonxe: o ben común dunha sociedade de mulleres e homes libres, sen grillóns nin cadeas, unidos pola cor lila, emblema de liberdade. Quixera agradecerche tamén, desde este arquipélago imaxinario da literatura, a xenerosidade da túa voz, que deu alento a aquelas que nunca o tiveron, pois outros, deuses sen misericordia, sentían e decidían por elas, negándolles o don da fala. E permite que che mande, desde o alén onde as vellas sombras se volven mitos, unha cálida aperta de Penélope e Morgana, de Medea e Clitemnestra, de Andrómaca e Helena. Porque ti, Begoña, acolliches as súas voces na túa boca, mudando o rumbo dos seus tráxicos destinos. E debes saber, nestas horas de tránsito incerto, que agardamos por ti, conscientes e solidarias, na illa onde nacer muller nunca será unha condena. Para navegarmos xuntas por océanos inexplorados, irmás de singradura. (PRAZA PÚBLICA, 28/10/2014)



DIARIO CULTURAL ADICADO A BEGOÑA CAAMAÑO


No hay comentarios:

Publicar un comentario