MANIFESTACIÓNS
MUSICAIS DO NADAL
Cantigas
de Nadal
Aínda
que en principio todas as cantigas de Nadal nos poden parecer
iguais, non é así e teriamos que facer tres clasificacións:
Por
un lado están os romances como poden ser A toca da Virxe,
El ciego y las naranjas, etc.Algúns chegaron ao de hoxe por
tradición oral e poden ter a súa orixe nos séculos XIV-XV. Outros
proveñen de pregos de cordel, xeralmente de orixe castelá, e xa
datan do século XIX.Tamén neste apartado habería que incluír
algunhas cancións romanceadas, moi estendidas por toda Galicia
como pode ser Madre a la puerta hay un niño.
Por
outro lado teriamos as panxoliñas que non serían máis
que coplas alusivas ao nacemento de Deus, ligadas por un retrouso.
O
terceiro tipo serían os vilancicos de autoría culta,
feitos por unha persoa enxeñosa e con recursos, como podía ser o
mestre ou o cura. Estes vilancicos son os que semellan de creación
máis recente.
En
calquera dos tres casos as cancións adoitan comezar cunha petición
de licencia para cantar e rematan coa petición do aguinaldo.
Deixando
a un lado os costumes locais, a maneira estándar de facer, non só
os cantos de Nadal, senón tamén as rondas, xaneiras e reis, sería
o seguinte: Despois da cea de Nadal formábanse roldas (grupos)
de mozas e mozos e percorrían todas as casas da aldea cantando e
bailando. Ían acompañados dunha gaita, unha frauta, pandeiros ou o
que se estilara na zona. Non importaba a hora á que a rolda chegara
a unha casa, aínda que foran as cinco da mañá. Eles chegaban e
cantaban. Saía o dono da casa e pedíanlle licencia para seguir
coa troula e o dono tiña que lla dar, porque así o mandaba a
tradición. Baixaban á cociña ou ao alprende todos os da casa, e os
roldadores cantábanlle as cantigas ou o romance (imposto pola
tradición) e remataban coa petición do aguinaldo. O dono da casa
daba o que podía: chourizos, patacas, ovos, cartos... Bailábase un
pouco e os da rolda despedíanse e ían a outra casa. E así até dez
ou doce da mañá do día seguinte, que era cando se miraba todo o
que xuntaran e acordábase facer con iso unha merenda ou cea, á que
se adoitaba levar un gaiteiro para que houbera baile.
Tanto
as licencias como os aguinaldo acostumaban ser cantados en galego,
pois eran inventados polos cantores, mentres que o corpo central, ao
ser de autoría culta, adoitaba estar en castelán.
Cantos
de Reis
A
clasificación dos cantos de reis vén sendo parecida aos de
Nadal.Temos romances vellos,
romances
"a lo divino", coplas independentes ligadas por un
ritornello e reis de autoría culta. E a estes teriamos que
sumarlles os reis xocosos e os reis da Epifanía, sempre ligados a
danzas consuetudinarias.
Segundo
a zona, os reis podían comezar a cantarse polas casas sobre o día 3
de xaneiro. Había un tipo de reis xocosos, que temos constatado en
varios puntos de Galicia, no que os cantores inventaban coplas
dedicadas aos veciños.
Tanto
as letras, como as danzas, como as músicas coas que se bailan
obedecen a un mesmo patrón, sendo algunhas case idénticas, polo que
deberon ser difundidas por algunha "Misión" das que
percorreron Galicia nos séculos XVII e XVIII. Desde logo, nas letras
pódese apreciar o carácter culto do escritor, así como o
aspecto catequético, mnemotécnico e haxiográfico. O problema
destes textos é que foron fixados, xa de antigo, en papel. Non se
trata, pois. de textos aprendidos oralmente (como ocorre con
moitos romances), senón máis ben dunha tradición que se sustenta
sobre uns textos literarios aprendidos de memoria aos que se suxeitan
en cada repetición. Estamos, polo tanto, nun deses casos
intermedios entre o tradicionalismo puro e os ritos fixados pola
representación continuada.
O APALPADOR
O Apalpador, Apalpa-Barrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares , aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así estexas todo o ano".
Noite do apalpadoiro: O Apalpador e O Pandigueiro
CANTIGAS DE NADAL
BUSCANDO UNHA ESTELA DE TINO BAZ
NADAL DE LUINTRA
Cara Belén camiñaunha Nena ocupada
fermosa, en canto a ela,
San Xosé a acompaña.
Chegaron a Belén
e pediron pousada,
responderon de adentro
con voz alborotada.
¿Quen chama á miña porta,
quen á porta me chama?
Somos Xosé e María
que pedimos pousada.
Se traen cartos que entren
e senon que se vaian.
Cartos non traerei,
máis que un real de prata.
Isos son poucos cartos,
pídanno noutra parte.
San Xosé xa penaba,
María o consolaba.
Non te apenes Xosé,
non te apenes por nada,
¿qué máis cartos ti queres
que isto que me acompaña?
DANZAS DE REIS
Cantámosche os
Reises,
canela de cabra,
fuciño do cocho,
orella queimada;
cantámosche os
Reises,
non nos deches nada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario